LOGOparaWEB-01A Asociación Cultural Donaire créase na cidade da Coruña no ano 2000, co obxectivo de recuperar, promover e difundir unha importante parcela da nosa cultura tradicional como é o folclore galego.

Conta cunha escola na que se imparten clases de canto e baile, así como de instrumentos que tradicionalmente foron utilizados no seu acompañamento como a gaita, pandeireta, tamboril, bombos, pandeiras e outros instrumentos de percusión menores. Tamén conta cun grupo composto por xoves que tras anos na escola amosan nas actuacións o donaire, riqueza e variedade da nosa música e a nosa danza popular, conservando e difundindo o legado cultural que lles foi transmitido polos seus maiores.

Tódalas pezas presentadas, tanto musicais, como as de baile, foron seleccionadas previamente logo dunha intensa labor de recolleita etnográfica de campo pola xeografía galega, mantendo fielmente as características de cómo eran interpretadas. Complétase a actuación con distintos vestiarios acordes ás mesmas.

cropped-1-Nuit-Interceltique-Donaire4.jpg

Aínda que se trata dunha asociación moi nova, a ilusión e adicación que aportan os seus membros acadou o obxectivo de promover e difundir o noso folclore en multitude de lugares, non só da xeografía galega, senón que tamén noutras comunidades ou países, algunas das máis importantes:

– 2001 – Festival Folclórico Dansses (Mislata , Valencia)
– 2003 – Festival Folclórico Interprov. La Folixa (Carreño, Asturias)
– 2004 – Mostra Internacional de las Arts Populares (Quart de Poblet, Valencia)
– 2005 – Festival Internacional Covadonga (Cangas, Asturias)
– Encontro de Bandas de Gaitas (Alcobendas, Madrid)
– 2006 – Festival Folclórico Peruyal (Arriondas, Asturias)
– Festival Música Galega Toxos e Xestas (Barcelona)
– 2007 e 2014 – Festival Intercéltico de Lorient (Bretaña, Francia)
– 2008 – Fiestas del Bollo (Avilés, Asturias)
– 2008 e 2011 – Festival Nacional de Folclore de Jumilla (Murcia)
– 2013 – Festival Internacional de Folclore de Cabeceiras de Basto (Portugal)
– 2015 – Rencontres de Folklore de Friburg (Suíza)

Ademais, múltiples intervencións en televisión e colaboracións con grupos coma Berrogüetto, Milladoiro, Quempallou, Pablo Seoane Grupo, Tic Tac de Pablo Díaz; actuacións en cada provincia galega e dúcias de premios nos concursos polos que pasaron, amosan a valía de dita asociación.

No ano 2002 gravouse o disco “Cantos Vellos para rapaces Novos” en colaboración coa A.C. Santa María de Torás, acadando así unha maior difusión das pezas seleccionadas. En 2007 presentouse unha segunda gravación, esta vez en solitario: “Dálle Donaire ao corpo” elaborado nos Estudios Mans, e coa colaboración da Deputación Provincial e a Fundación Paideia. En 2011 presentouse en DVD “Dez anos con Donaire”, no que se recolle a gala de X Aniversario da asociación no emblemático Teatro Rosalía de Castro de A Coruña.