Saltar al contenido principal

Curso de análise de cancións tradicionais con Sergio de la Ossa

Curso de análise de cancións tradicionais con Sergio de la Ossa

Chega o primeiro obradoiro deste curso, un interesante curso de análise de cancións tradicionais con Sergio de la Ossa.

Sergio de la Ossa
Etnomusicólogo, encárgase desde 2007 dos arquivos de música tradicional do Museo do Pobo Galego ( http://apoi.museodopobo.gal ); na súa base de datos publica perto de 200 partituras e análises, ademais de guías de consulta musical. É mestre especialista en Educación Musical (USC, 1999) e no método Kodály (2010); ensinou música tradicional no Instituto Kodály da Academia Liszt (Kecskemét, Hungría) entre 2011 e 2015. Ofrece regularmente cursos e conferencias; participa como ponente no WOMEX 2014 e na conferencia en homenaxe a Zoltán Kodály (2017) organizada polo Instituto de Musicoloxía (RCH HAS) en Budapest.

Escribe os textos que acompañan o CD Dispostas para cantare (Museo do Pobo Galego, 2017) e colabora como autor en publicacións como Así fan os bailadores… (Dos Acordes, 2009); Repente Galego (Dep. de Pontevedra, 2016) de Ramon Almuinha; ou Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza 1964-1968 (aCentral Folque, 2017, con Xavier Groba).

Actualmente imparte aulas de teoría no Curso Maxistral da Central Folque e leva o blogue sobre análise de música tradicional www.analisemusical.wordpress.com

 

Curso de introdución á análise de cancións tradicionais

Contidos

O sistema de análise comprende os seguintes puntos:
– Aspectos básicos da notación e edición da partitura
– Conxunto de notas, ámbito, escala
– Compás, ritmo
– Cadencias, perfil melódico, forma
– Métrica poética, número de sílabas, forma do texto
– Función, ocasión; outros datos

Como introdución á análise propiamente dita, falaremos de características xerais da música tradicional galega, en especial da canción, e da música de tradición oral en xeral. Prestaremos especial atención á relación entre música e texto. Consideracións xerais sobre as variantes e a variación como elemento esencial da canción tradicional. O traballo
con partituras (que cantamos antes de analizalas) será ademais acompañado de audicións musicais.

Obxectivos

– Comprender as estruturas musicais das que se compón a canción tradicional.
– Coñecer algúns dos criterios máis empregados na descrición de repertorios musicais.
– Obter os coñecementos básicos para describir e clasificar a música tradicional.
– Obter unha comprensión xeral dos procesos creativos propios da interpretación tradicional (fundamentalmente a variación melódica).

Info para público

Queres saber algo máis sobre:
– as variantes dunha mesma melodía e como varían ou improvisan os músicos tradicionais?
– a importancia do ámbito para datar a antigüidade dunha melodía?
– a relación entre música e texto e as distintas formas estróficas postas en música?
– a métrica do verso dunha canción galega e en que se distingue da do verso dunha canción inglesa?

Curso de continuación á análise de cancións tradicionais

– Descrición dos xéneros musicais galegos
– Exercicios para consolidar os coñecementos adquiridos no primeiro curso de introdución e práctica de análise de cancións de diferentes características. Discusión sobre exemplos
achegados polos participantes no curso.
– Formas estróficas: romances vellos e novos, estrutura de zéjel, formas compostas e con
refrán. Exemplos formais máis complexos: subdivisións e distintos tipos de variantes.
– Escalas maiores con final en mi, notas pivotantes; proxección melódica.
– Cadencias: casos con melismas ao final dun verso.

Veremos exemplos de variación melódica como característica esencial da canción tradicional para completar a análise de formas básicas practicada durante o curso.

Información dos cursos:

– Curso de introdución: Domingo 11 de novembro
– Curso de continuación: Domingo 25 de novembro

Horario:  10 a 14 e 16 a 20h.
Lugar: SCRD Tempo Novo de Elviña, A Coruña.
Prezo: 
– 1 curso – 45€ (40€ soci@s)
– 2 cursos – 80€ (70€ soci@s)
O desconto é aplicable a soci@s da A.C. Donaire e Tempo Novo.
Inscrición e información: info@acdonaire.com

Nove anos de “O berce de Donaire”

Nove anos de “O berce de Donaire”

O festival infantil “O Berce de Donaire” nace pola inquedanza da A.C. Donaire de que os cativos tamén teñan o seu espazo para amosar todo o que aprenden nas escolas de música e bailes tradicionais. A primeira edición celebrouse no ano 2010, e dende aquela chegaron nestes anos grupos de gran parte da xeografía galega.

Nesta novena edición acompañarannos “Os Rueiriños” dende o veciño concello de Oleiros e tamén a escola do Centro Cultural “A Pontevella” de Teo nun festival que se celebrará o sábado 28 de abril no Centro Ágora.

Entradas en https://www.ticketea.com/entradas-o-berce-de-donaire-agora/

Obradoiro de bordado para traxe tradicional

Obradoiro de bordado para traxe tradicional
Boa noite,
 
Achegamos información do obradoiro de iniciación ao bordado para traxe tradicional.
 
Impartido por Telly Miser, será os sabados entre as 11 e as 13h. no local da asociación sito na Rúa Miramar nº 3 baixo, comezando o 3 de febreiro e rematando o 21 de abril. Serán tres meses, xa que non haberá clases en vacacións e pontes.

O prezo, incluíndo o material, é o seguinte: Socios: 50€ / Non socios: 60€
 

Romaría de Santa Margarida 2017!

Romaría de Santa Margarida 2017!

Chega un ano máis a Romaría de Sta. Margarida, na que A Coruña é epicentro da música e o baile tradicional galego.

Ademais de convidarvos a desfrutar dos obradoiros, actuacións e concertos, deixámosvos as nosas intervencións na mesma:

  • 11:50h. – Praza de Galicia – Actuación de música
  • 12:20h. – Praza de Vigo – Actuación de baile
  • 12:50h. – Praza de Lugo – Obradoiro